Centro Nacional de Intelixencia

Ante os novos retos do escenario nacional e internacional, era necesario dispoñer en España dun Servizo de Intelixencia especializado e moderno con capacidade para afrontalos con eficacia. A resposta a tal necesidade é o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), organismo público responsable de facilitar ao Presidente do Goberno e ao Goberno da Nación as informacións, análises, estudos ou propostas que permitan previr e evitar calquera perigo, ameaza ou agresión contra a independencia ou integridade territorial de España, os intereses nacionais e a estabilidade do Estado de dereito e as súas institucións. (Art. 1 Ley 11/2002)

Amparo Xurídico

O CNI réxese polo principio de sometemento ao ordenamento xurídico e leva a cabo as súas actividades específicas no marco das facultades expresamente establecidas na Lei 11/2002 do 6 de maio reguladora do CNI e na Lei Orgánica 2/2002,do 6 de maio, reguladora do control xudicial previo do Centro Nacional de Intelixencia.

Competencias e coordinación

Cabe destacar que o CNI agrupa actividades que noutros países están separadas en dous ou máis Servizos de Intelixencia. Isto permite que a coordinación e intercambio de intelixencia entre ámbitos complementarios sexa áxil e completa, á vez que se optimizan os recursos. Neste sentido, o CNI funciona baixo o principio de coordinación con outros servizos de información do Estado.

Esta coordinación lévaa a cabo a Comisión Delegada do Goberno para Asuntos de Intelixencia (Art. 6 da Lei 11/2002), que segundo o Real Decreto 1886/2011, do 30 de decembro, polo que se establecen as Comisións Delegadas do Goberno, e posteriormente rectificado por unha disposición xeral publicada no Boletín Oficial do Estado núm. 5 do venres 6 de xaneiro de 2012, estará presidida pola Vicepresidenta do Goberno e Ministra da Presidencia, e integrada polos Ministros de Asuntos Exteriores e Cooperación, de Defensa, do Interior, de Economía e Competitividade, o Director do Gabinete da Presidencia do Goberno, o Secretario de Estado de Seguridade e o Secretario de Estado Director do Centro Nacional de Intelixencia, que actuará como secretario da mesma.